O ex conselleiro tapona o paso a unha nova xeración de políticos e, de non mudar as súas formulacións políticas, condenará ao seu partido a unha longa travesía polo deserto da oposición
• O PPdeG cre que Vázquez non é máis que un parche nunha lancha que se afunde, e cualifican a este de líder temporal cuxa data de caducidade non se escribirá en Galicia senón desde o despacho do ministro de Fomento
• Tamén critican que o candidato oficial faga calar a voz da militancia co rodillo e co apoio explícito dun José Blanco que busca na rápida elección do novo líder do PSOE a forma de purgar as suas propias equivocacións.
• O PPdeG felicita ao novo secretario xeral dos socialistas galegos e pídenlle que se poña en traballar na procura de espazos comúns de acordo coa Xunta para implementar políticas beneficiosas para o conxunto da sociedade.
O Partido Popular de Galicia lamenta a gran oportunidade que perdeu o PSOE galego de modernizar as súas estruturas e de escoller novos líderes, tras elixir a Manuel Vázquez novo secretario xeral dos socialistas galegos. Os populares cren que o PSOE perde o tren da renovación e desaproveitan a ocasión de adaptar o partido ás necesidades e as preferencias da cidadanía, mostradas de forma nítida nas eleccións do 1 de marzo.
O PPdeG cre que Vázquez non é máis que un parche nunha lancha que se afunde, e cualifican a este de líder temporal cuxa data de caducidade non se escribirá en Galicia senón desde o despacho do ministro de Fomento. Ademais, cren que o PSOE fixo caso omiso ás pistas ofrecidas pola sociedade galega sobre as súas preferencias no que respecta ao tipo de políticas e dirixentes que quere para Galicia, posto que optaron por todo o contrario.
Afirman que o PSOE tapona coa elección de Vázquez o paso a unha nova xeración de políticos que dignifique o nome do socialismo, e afirman que pechar feridas en falso é o camiño máis rápido cara a outra derrota electoral.
Tamén critican que o candidato oficial faga calar a voz da militancia co rodillo e co apoio explícito dun José Blanco que busca na rápida elección do novo líder do PSOE a forma de purgar os seus propios pecados: os que levaron aos socialistas a perder o Goberno menos de catro anos despois de acceder a el.
Vázquez representa máis do mesmo: caciquismo, sectarismo e despilfarro, e Galicia xa deixou claro que non quere este tipo de actitudes rexendo o día a día dos seus gobernantes. En todo caso, o PPdeG felicita ao novo secretario xeral dos socialistas galegos e pídenlle que se poña en traballar na procura de espazos comúns de acordo coa Xunta de Galicia para implementar políticas beneficiosas para o conxunto da sociedade.
O PPdeG lembra a man tendida do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, ao resto de forzas para traballar de forma conxunta na solución dos problemas de Galicia, e neste sentido instan ao novo líder dos socialistas galegos que tomen nota e póñanse a traballar non en clave partidista e si en clave de país.


Esbilla
del.icio.us
































Nun hai comentarios »