
EP. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, considerou "máis que probable" que finalmente o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, tome a decisión de adiantar as eleccións autonómicas, o que na súa opinión será a "constatación de que PSOE e BNG son incapaces de entenderse" e quedarán deslexitimados ante o electorado.
"Non podemos ter catro anos máis dunha medicina que non funciona" dixo Nuñez Feijóo para criticar a coalición da Xunta, que "unicamente ten a finalidade común de impedir que goberne quen gañou as eleccións", o que cualificou como "unha formulación negativa da política" que hai que desterrar porque dá lugar a "gobernos inestables".
O dirixente popular apelou ao principio ético de que quen non gañou as eleccións non pode gobernar e asegurou que nestes momentos o PP é o único partido que pode gañar unhas eleccións autonómicas.
"Temos máis posibilidades de gañar cunha maioría suficiente para gobernar, que o PSOE de gañar as eleccións", asegurou Feijóo, que nas últimas eleccións autonómicas se presentou encabezando a lista do PP pola provincia de Pontevedra e que recoñece que aínda descoñece por qué provincia se presentará nesta ocasión, xa que se trata dunha decisión que aínda está pendente.
En todo caso, destacou que "o único que podo dicir ao respecto é que estou moi orgulloso de ser o cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, e gañar a Emilio Pérez Touriño que tamén foi o cabeza de lista do PSOE por esta provincia".


Esbilla
del.icio.us
Nun hai comentarios »